31/01/2008

Algunhas precisións ante a lectura do programa de José Eduardo López Pereira

Non se recordan polo visto unhas eleccións á SEEC tan movidas como estas. Se primeiro foi o famoso artigo publicado en http://www.culturaclasica.com/, as precisións das candidaturas de Jaime Siles e López Eire e por último, a carta de Francisco Rodríguez Adrados.

Non está no noso ánimo provocar un polémica semellante, nin crear ningún tipo de crispación entre as dúas candidaturas, pero cremos que entra dentro do espazo de debate, imprescindible no xogo democrático, o feito de mostrar a nosa opinión respecto a algúns puntos do programa da candidatura de José Eduardo López Pereira.

En primeiro lugar o seu programa refirese a unha "SEEC necesitada de cambio e novos impulsos e ideas". Debemos entender entón que lle parecen poucos os cambios ocorridos en SEECGalicia nestes últimos catro anos, ou poucos tamén os impulsos que levaron a anterior directiva a realizar unha labor que dende logo se pode caracterizar de calquera maneira excepto de inmovilista?

Fagamos un repaso.
Nos últimos 4 anos creouse por parte da directiva anterior, representada aquí por tres persoas, a páxina web da sección galega, traballouse na base de datos de socios a cotío, creando unha lista de correo permanentemente actualizada e completada con outras listas de correo de centros de Galicia, públicos e privados, que están a recibir puntualmente información relativa ás nosas actividades, organizáronse con éxito dous cursos de verán ("Xéneros grecolatinos en prosa, 2004", "Proxección da mitoloxía grecolatina nas literaturas europeas 2006"), un curso dedicado ás TIC ("Exercicios interactivos con Hot Potatoes, 2005"), e dous de grego moderno (Iniciación 2007 e Perfeccionamento I 2008), levamos xa 3 edicións do concurso Odisea (271 equipas inscritas en 2008), e son 4 as edicións do festival de teatro grecolatino de Lugo, este ano 2008 con 4 días de representacións.

O profesor Pereira volve sinalar que a "SEEC debe retomar a organización de cursos que tivo noutro tempo". Repetimos. Dous cursos de verán, tres cursos de formación no marco da USC, 5 cursos en catro anos. Parécelle pouco?

Máis adiante a candidatura do profesor Pereira afirma que vai "buscar a coordinación con outras asociacións", en concreto con EPOS. Deberán aquí responder os profesores de grego membros da mesma, pero é significativo que na súa candidatura non haxa nin un só profesor desta materia. Todos son de latín. No equipo anterior de SEECGALICIA había 3 profesores de grego (dous deles membros de EPOS), e o contacto e coordinación con esta asociación foi constante. Dende a anterior directiva deuse sempre difusión aos socios por escrito e dende a nosa web de toda a información que nos fixeron chegar, puxemos unha ligazón ao seu renovado blog, e estivemos sempre atentos ás súas actividades, como o concurso de Cultura Clásica. E ademais acudimos con eles a unha entrevista coas autoridades educativas da Xunta de Galicia para tratar sobre o currículo da ESO e os Bacharelatos.
Colaborar con outras asociacións? Quizais non se enteraron de que nesta Edición do concurso Odisea 2008 participa tamén a Delegación da SEEC de Valencia, e que esperamos que sexan outras as que se unan a nós nos vindeiros anos. Ignoran tamén López Pereira e a súa equipa que a Delegación Galega da SEEC forma parte do colectivo Prosopon, unha asociación que promove o desevolvemento do teatro greco-latino, e que conta con 10 sés en todo o Estado, como Mérida ou Sagùnt, por citar algunhas, unha asociación, por outra banda, en estreita relación co MEC. Dentro dela traballamos para poñer en marcha un ano tras outro o festival de teatro de Lugo.

"Comprometémonos a desenclaustrar a SEECGalicia e sacala á sociedade en xeral, aos IES...". Pero entón, que é o que estivemos facendo todos estes anos?, de onde veñen os case 4.000 alumnos anuais que acoden a Lugo?, de onde son os profesores que se matriculan nos cursos de formación?, cal e a procedencia dos participantes no concurso Odisea? quen asistiu maioritariamente aos cursos de verán?

Afirma tamén López Pereira que se comprometen a "Coordinar os programas e as probas de acceso á Universidade de acordo cos criterios e os obxectivos que entre todos e todas fixemos". Séría máis correcto dicir que os fixo el mesmo e en todo caso, os membros do seu equipo, sen contar coas opinións dos docentes de Latín II, algo que entra dentro da competencia do seu cargo, por suposto, pero que desde logo, o que non fixo foi unha coordinación inicial dos devanditos programas e probas de acceso co profesorado de Latín, que recibiu as súas ideas xa pechadas, como materia do exame a celebrarse en 2007. En ningún momento como coordinador se puxo en contacto coa SEEC para recabar a súa opinión nin a dos seus asociados. Non sabemos que é o que pretende agora.

Pero todo isto merece abordalo con calma e dende varios puntos de vista.

En primeiro lugar di que a SEEC debe coordinar os programas e as probas de acceso á universidade. Consideramos en primeiro Lugar, que esa non é, non pode ser, nin debe ser, de feito, unha das obligacións da SEEC. A SEEC é unha organización que vela polos intereses profesionais de moitos docentes e estudiantes de Linguas Clásicas en todos os seus niveis. Non é unha institución educativa reglada. A coordinación dos programas e probas de acceso á universidade están en mans do seu organismo, a CIUG, e do Coordinador correspondente, no noso caso, que no ámbito das Linguas Clásicas son dous, o de Latín, e o de Grego.
O profesor López Pereira foi nomeado en 2006 coordinador do Grupo de Traballo de Latín. Xa é o seu deber como coordinador realizar a elaboración dos programas e das probas de acceso á universidade. Así o fixo, e de feito, SEECGalicia foi a encargada, ante as peticións de numerosos socios, de mediar con él para xestionar os diversos problemas que xurdiron a raíz dos programas e probas de Selectividade de latín do ano 2006 elaborados por el, que se concretaban en:
1: Cambio do programa de exame oficializado en Decembro de 2006, cando xa todas as programacións estaban pechadas e o primeiro trimestre rematado.
2: Inclusión no programa de elementos non consensuados cunha ampla maioría de docentes da materia, como a inclusión de preguntas de toponimia.
3: Inclusión no programa de elementos non presentes no currículo de Latín II como a perspectiva de preguntas de Mitoloxía Clásica. A coordinación do programa tamén tivo problemas e segue a ter elementos que, cando menos, mostran un pouco cuidadoso sentido da seriedade que debe mostrar a súa labor como Director dun grupo de traballo e Coordinador dun aspecto tan importante como o da materia de exame da Selectividade. Tivo que pasar un ano enteiro para completar unha lista de topónimos enviada aos profesores de latín. E esta a capacidade de traballo que lle vai dedicar á SEEC?

Respetuosamente, desde a nosa candidatura consideramos que unha cousa é ser Coordinador da CIUG, e outra, presidente de SEECGalicia. Non poden nin deben fundirse ambas cousas: se o profesor Pereira se presenta, e moi lexitimamente, como candidato á presidencia de SEECGalicia, debe ser, iso si, desde a perspectiva de non mesturar ambas institucións. De ser moi respetuoso en canto a separación das funcións de presidente de SEECGalicia e de Coordinador da área de Latín na CIUG.
De feito, cando fala dos "criterios e obxectivos que todos fixemos" non sabemos moi ben o que quere dicir, pero está claro que se debe referir ás probas de latín. Iso supón, ademais, deixar de lado as opinións e ideas do Coordinador do Grupo de Grego e de centos de profesores e alumnos da asignatura de Grego II que están coordinados por Juan José Moralejo e o seu grupo de traballo.
Non sería de recibo, tampouco, que unha candidatura fale de establecer e coordinar programas de traballo para grego cando esta área ten un equipo propio e independente e mesmo cando non contan con ningún profesor de grego entre os seus candidatos. A SEECGalicia estaría facendo un fraco favor a nosa seriedade como docentes se unha directiva se comprometese en actuacións de tipo tan personalista. Outra cousa é priorizar a labor que sí demandaron e seguen a demandar os nosos socios: ser portavoz e mediador institucional das necesidades e ideas necesarias que o colectivo de profesores de Latín e Grego II demandan para os Grupos de traballo e os coordinadores correspondentes. Así se fixo e así debería seguir facéndose. E neste punto cómpre recordar cal foi a actitude de López Pereira ante a suxerencia de varios socios para que SEECGalicia intentase mediar co coordinador de latín e así conseguir unha reunión de profesores con el. SEECGalicia chamouno e espúxolle a cuestión. A súa resposta foi que "non aceptaba nigunha interlocución con profesores de latín respecto ás probas de selectividade que non sexa a través da CIUGA".
Así llo fixemos saber aos nosos socios nun correo que enviamos o día 1 de marzo do 2007. Ao pouco tempo o señor Pereira convoca 4 reunións a falta dunha, unha en cada provincia. Que o levou a cambiar de opinión dun día para outro? En calquera caso, é evidente que si valorou o peso institucional de SEECGalicia, que aglutinou as inquedanzas, e intereses de centos de profesores de latín de Segundo de Bacharelato que sentiron que a súa labor quedaba seriamente menoscabada polas imposicións do Grupo de Traballo da CIUG.

Di López Pereira que se compromete a "potenciar máis as Xornadas de teatro grecolatino". Este ano temos catro días de representacións case 4.000 alumnos inscritos, seguindo a tónica do ano pasado. Quere facer unha semana de teatro, quince días? Sabe o que conleva a posta en marcha deste festival? A busca de grupos, as datas, o espazo de representación, a matrícula dos centros... Parécenos que ignora profundamente a organización dun evento destas características. Logo da grandísima labor levada a cabo por Teresa Amado e Dulce Estefanía, buscamos a unha persoa que puidese reemplazalas con éxito, e aquí está con nós Ricardo Martín, do grupo Sardiña, de quen todos os socios, incluído o profesor Pereira, coñecen a súa experiencia organizativa e unha traxectoria respectada e apreciada ao longo dos vintecinco anos de andaina da súa labor.
Quere o señor Pereira potenciar a páxina web. Quere foros de debate. Quizais tamén ignora que xa tivemos un, onde por certo, foron varios os socios que opinaron sobre o papel de López Pereira como coordinador de latín, e pediron da SEEC que mediase entre os profesores e o coordinador para lograr esas entrevistas, primeiro rexeitadas e logo convocadas tan rapidamente.
Por último, xa existe un enderezo de correo onde se atenden continua e diariamente todo tipo cuestións e inquedanzas dos socios. Sería xa de máis poñer aquí a cantidade de correos recibidos e enviados aos socios durante estes catro anos.

Conclusión. A nosa opinión, obxectiva, basada nos feitos descritos máis arriba, é que a equipa de López Pereira, e el mesmo, parecen descoñecer absolutamente o traballo desenvolvido durante estes anos en SEECGalicia, un traballo que si coñecen a maioría dos socios.
Estamos renovados (entran 4 persoas novas na candidatura), temos ideas e impulsos, como tivemos tamén durante estes catro anos, somos profesores de latín (4) pero tamén de grego (3), somos interlocutores ante a administración, organizamos cursos de formación, colaboramos e seguimos a colaborar con outras asociacións (Prosopon, SEECValencia, Epos...), estamos nos IES, estamos co teatro, creamos e mantemos unha páxina web, informamos aos socios e recibimos deles suxerencias e ideas mediante o correo-e.
Temos un proxecto e queremos cumprilo, por iso pedimos o voto aos nosos asociados, para poder continuar un traballo que xa leva catro anos en marcha.

2 comentários:

Anônimo disse...

Aí falastes. Moi boas as precisións. Nunca a SEEC estivo tan preto dos centros, nin se tivo en tanta consideración ós IES. As máis das actividades estiveron pensadas para eles. Seguide así. Necesitamos xente nova e con azos, unha imaxe renovada e mirar ó pasado o xustiño para aprender da experiencia, pero nunca por morriña de tempos que por sorte xa pasaron e non deben volver.
Boa sorte.
M.R.

Ana Ovando disse...

Enhorabuena por los resultados.